Un festival especializado

O FKM Festival Internacional de Cinema Fantástico da Coruña celebra este ano a súa 11a edición. FKM naceu no ano 2010 (no que se fixo unha edición a principios e outra a finais de ano) debido á necesidade de crear un evento adicado aos xéneros cinematográficos de fantástico, terror e ciencia ficción, non só na cidade da Coruña, senón tamén en Galicia. O Festival FKM está a encher un oco dentro do audiovisual que é demandado pola cidadanía, constituíndose coma o 1o Festival de xénero de Galicia, ofrecendo unha coidada selección de longametraxes e curtametraxes de amplo percorrido polos mellores festivais tanto nacionais como internacionais.

Edicións temáticas

FKM caracterízase polas súas edicións temáticas, nas que cada ano se renden unha ou varias homenaxes nas que se proxectan películas e realízanse actividades paralelas relacionadas. O festival adicou homenaxes ao mito de Drácula, ao Marqués de Sade, aos directores Kenneth Anger, Darío Argento, Mario Bava, Walerian Borowczyk, Herschell Gordon Lewis, Pier Paolo Pasolini, William Cameron Menzies, Jindrich Polak, Peter Jackson, Alex de la Iglesia, Jess Franco, Juan Piquer Simón, Amando de Ossorio e Antonio Blanco, ao novo cinema de terror francés, ao xénero da Ciencia Ficción ao Demo, etc.

Formatos orixinais

O Festival destaca pola creación de formatos propios, que misturan cine e cultura popular co público comoprotagonista. Como a Vídeo-Regueifa! (un duelo de videoplaylists ao redor dun tema proposto, no que os relatores proxectan os seus vídeos de forma alternada, como nun combate por asaltos. O evento exponse con certa teatralidade, envolvido nun formato de competición-concurso e gimmicks como o Aplausómetro)ou o Concurso de Curtametraxes Cinema Fetus, (que combina cine fantástico, orzamento inexistente, experimentación e humor) con protagonismo absoluto do público, que entrega 6 trofeos deseñados por Alberto Hortas (4ojos estudio).

Integración das artes máis aló da pantaia

FKM promove formatos de proxección híbridos, nos que a sala de cine transfórmase nun escenario teatral, e o público participa da experiencia cinematográfica no seu espazo físico. Nalgúns casos actores e actrices entre o público interrompen a proxección e implican ao público, como en Al Pereira vs The Alligator Ladies de Jess Franco . Noutros casos, como a antolóxica proxección do clásico The Rocky Horror Picture Show no seu 40 aniversario, o público canta, baila, replica, insulta e participa nos acontecementos do filme, coa axuda dun kit de obxectos e un manual de instrucións.

Identidade

FKM mantén un firme compromiso coa cultura e lingua de Galicia, facendo todas as súas comunicacións, presentacións e publicacións en lingua galega.

Promove ademáis a cultura en galego en 2 das súas seccións competitivas (Concurso de Guións e Cinema Fetus) que esixen a lingua galega na súa VO.

Grazas a colaboracións con Festivais estranxeiros FKM proxecta noutros países seleccións de cine galego. Por exemplo o Panamá Horror Film Fest (Panamá), Sci-Fi London (UK) ou Horrorvision (Barcelona).

Feminista

FKM é un Festival comprometido tamén coa igualdade de xénero dende unha perspectiva feminista. Dende o uso dunha linguaxe inclusiva ate a procura da visibilidade das mulleres no audiovisual poñendo meirande énfase na promoción de directoras nóveles , o Festival adica diversos espazos de debate a este tema. Actualmente, as bases das 4 seccións competitivas do Festival inclúen a valoración dunha perspectiva de xénero nas obras a concurso.

Dimensión internacional

Culturalmente FKM supón un foco de atención excepcional, sendo un punto de encontro entre a creación cinematográfica galega e a internacional. A través dos Concursos Internacionais de Curtametraxes e Longametraxes Ópera Prima, Mesas Cadradas, Masterclass, etc. FKM proxectou nas súas homenaxes 41 longametraxes de clásicos de culto (de directores como William Cameron Menzies, Georges Franju, Mario Bava, HG Lewis, Jess Franco, Jordi Grau, Eugenio Martín, Amando de Ossorio, Juan Piquer Simón, Antoñito Blanco, Jindrich Polak, Pier Paolo Pasolini, Henri Xhonneaux, Jim Sharman, Andrzej Zulawski, Panos Cosmatos, Mamoru Oshii, Makoto Shinkai, Mamoru Hosoda, Peter Jackson, Dario Argento, Gaspar Noé, Julien Maury, Alexandre Bustillo ou Alex de la Iglesia), 15 coproducións internacionais (con directores españois), 26 longametraxes de animación xaponesa (adicadas a público infantil e xuvenil, multipremiadas nos mellores festivais do mundo), 34 longametraxes Ópera Prima (primeiras películas), das cales, 19 formaron parte da competición Ópera Prima que inclúe primeiras e segundas películas dos directores e directoras. e 37 estreas en Galicia fora de competición (con directores como William Friedkin, Collin Trevorrow, Bobcat Goldthwait, Julien Maury e Alexandre Bustillo, Mamoru Ishii, Makoto Shinkai ou Slava Tsukerman). Das 111 longametraxes que programou o Festival ao longo do tempo, 89 foron estranxeiras.

FKM proxectou 173 curtametraxes en sección competitiva, 83 eran de fora de España. Houbo 14 premieresmundiais, 2 premiere en Europa, 35 estreas en España e 137 estreas en Galicia. Fora de competición proxectáronse 30 curtametraxes de diferentes nacionalidades.

Os trofeos do Festival, os Percebes Mutantes, foron a países como Irlanda, Australia, Noruega, Costa Rica, Guatemala, Turquía, Finlandia, Gran Bretaña, Francia, EEUU e Canadá .

Visitaron o Festival 13 convidados internacionais: Colin Arthur (UK), May Heatherly (USA), Lone Fleming (DIN), J-C Spadaccini (FR), Fabrice Lambot (FR), Christophe Lemaire (FR), Romain Roll (Neerlanda), Jack Taylor (USA), Jimmy Maslon (USA), Louis Savy (UK), Jordi Nájera (Panamá), Sol Charlotte (Panamá), Luciano Tovoli (Italia), Piercesare Stagni (Italia) e Marcin Paszko (Polonia). Cinco deles impartiron masterclass e outros, foron membros dos xurados ou viñeron para formar parte dalgunha das mesas cadradas.