Edicións temáticas

FKM caracterízase polas súas edicións temáticas, nas que cada ano se renden unha ou varias homenaxes nas que se proxectan películas e realízanse actividades paralelas relacionadas. O festival adicou homenaxes ao mito de Drácula, ao Marqués de Sade, aos directores Kenneth Anger, Darío Argento, Mario Bava, Walerian Borowczyk, Herschell Gordon Lewis, Pier Paolo Pasolini, William Cameron Menzies, Jindrich Polak, Peter Jackson, Alex de la Iglesia, Jess Franco, Juan Piquer Simón, Amando de Ossorio e Antonio Blanco, ao novo cinema de terror francés, ao xénero da Ciencia Ficción ao Demo, etc.

A HOMENAXE

FKM rende homenaxe a unha personaxe ou entidade considerada “de culto” dentro do mundo dos xéneros de cine ciencia ficción, fantástico, e terror.

FUNDACIÓN LUIS SEOANE

Sesión especial centrada na temática das Utopías e Distopías en colaboración con TRASHORAMA.

Homenaxe David Cronenberg

XOVES 17 OUT 18:00H

CGAI
Entrada libre ate completar aforo

Homenaxe ao cineasta canadense no 50 aniversario da súa primeira longametraxe.

David Cronenberg (Toronto, 15 de marzo de 1943) é un dos principais expoñentes do que se denominou “body horror”, o cal explora os medos humanos ante a transformación física e a infección. Inaugura e abandeira o concepto da “nova carne”, eliminando as fronteiras entre o mecánico e o orgánico o psicolóxico e o físico.

Stereo -Tile 3B of a CAEE Educational Mosaic- (David Cronenberg, 1969) 65’ Canadá V.O.S.E.

Presenta Alberto Ruiz de Samaniego (UVIGO), Doutor en Filosofía e Magister en Estética e Teoría das Artes.

Atopámonos no futuro, na Academia Canadense de Investigación Erótica. Alí teñen lugar unha serie de experimentos dirixidos polo parapsicólogo Luther Stringfellow cun grupo de persoas que voluntariamente se ofrecen para probar en si mesmos unha nova forma de cirurxía cerebral que anulará a súa capacidade de fala, substituíndoa por unha nova capacidade de comunicación telepática. Estas novas facultades utilizaraas o doutor Stringfellow para observar, analizar e explorar o funcionamento das relacións sexuais. Con axuda de fármacos afrodisíacos, Stringfellow estimulará a manifestación dunha perversidade polimorfa inherente en cada suxeito. Con todo os seus “suxeitos de estudo” desenvolverán comportamentos agresivos, esquizoides e até suicidas.

Stereo dános a coñecer a un Cronenberg de 22 anos no seu estado máis purista, que tenta explorar os fundamentos do Cinema. Rodada en 35 milímetros, vangardista, preciosista e purista, sobre todo en relación á súa planificación estética, espacial, narrativa e intencional. Stereo é unha peza de vangarda moi pouco coñecida e valorada, na que destacan os elementos arquitectónicos coidadosamente elixidos, os movementos de cámara, a distancia, o uso de planos detalladamente encadrados e nivelados, e aínda así rodados de tal maneira que deixan lugar ao extrañamento.